Fin de semana redonda para a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, que selou a súa permanencia cos seus equipos masculino e feminino en División de Honra e Primeira División respectivamente.
O cadro masculino tiña case no peto competir un ano máis en División de Honra, e conseguírono asinando unha gran actuación en Madrid onde se fixeron co primeiro posto por equipos con 111 puntos. Segundo foi o Tenerife con 108 puntos e terceiro o Suco Lucena con 105.
Este resultado foi posible grazas aos primeiros postos de Oriol Madi (100 m), Iñaki Cañal (400 m), Manuel Anxo Simón (disco), Pablo Bocelo (1.500 m) e as medallas de prata logradas por Anxo Blanco (triplo salto), Carlos Revuelta (martelo), Daniel Chamosa (5.000 marcha), a remuda 4x100 formada por David Abalde, Oriol Madi, Jordi Fossas e Sergio Rodríguez e a remuda 4x400 composta por David Abalde, Ignacio Sarmiento, Roberto Tello e Iñaki Cañal.
O equipo feminino, pola contra, tiña máis complicado conseguir o seu obxectivo, pero fixo os deberes en Monzón e logrou un quinto posto con 95,5 puntos que lle permite salvar a categoría.
A medalla de ouro de Lucía Ferrer (100 m valos); as de prata de Isabel Caeiro (3.000 obstáculos), Andrea Villaverde (lonxitude), Andrea González (xavelina) e Antía Chamosa (5.000 m); e as de bronce de Cristina Garrido (100 m), Eugenia Gil (400 m) e Claudia Puig (martelo), foron suficientes para conseguir o obxectivo e competir un ano máis en Primeira División.