O pavillón Príncipe Felipe acolle este sábado, 6 de xuño, unha nova edición do Open Cidade do Lérez.
A competición, organizada polo Club Taekanart, reunirá un total de 620 persoas entre deportistas, técnicos, árbitros e voluntarios, que a converterán na "máis numerosa da súa historia".
Participarán 467 taekwondistas pertencentes a 42 clubs de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal, dos cales 240 son homes e 227, mulleres.
Desde o Club Taekanart, organizador do evento, destacan que cerca do 91% dos deportistas proceden de fóra de Pontevedra e ao redor do 15% chegan desde outras comunidades autónomas ou países.
Desenvolverase de maneira simultánea en oito pistas de combate con tecnoloxía GEN3, que permitirá mellorar o rexistro dos impactos en combate mediante sensores nos empeines e outros integrados nas luvas e cascos.
Esta tecnoloxía de última xeración é a que se esixe a nivel internacional desde finais de 2025 e a que se empregará no próximos Xogos Olímpicos de Os Ánxeles.
As probas arrincarán a partir das 09:00 horas coas categorías absoluta, cadete masculino e precadete, continuarán desde as 15:30 horas coa júnior, cadete feminina e infantil.
A entrada será gratuíta para o público, que poderá gozar dunha intensa xornada de taekwondo na que estarán algúns dos mellores deportistas de Galicia e dos territorios veciños.
Ademais, o torneo será puntuable para os rankings galegos ao formar parte do calendario oficial da Federación Galega de Taekwondo.
Máis aló do ámbito deportivo, desde a organización destacan o impacto económico da proba na cidade grazas á chegada de centos de participantes e acompañantes que dinamizarán a hostalaría, o comercio e os servizos durante a fin de semana.
O evento contará con cobertura audiovisual a través de Mundotaekwondo, plataforma especializada na difusión deste deporte a nivel nacional e internacional.