Unha das imaxes do partido entre Pontevedra Club de Fútbol e Rayo Cantabria deste domingo 20 de outubro non estivo sobre o céspede, senón na bancada do Estadio Municipal de Pasarón.
Alí, como cada domingo desde fai xa máis de 62 anos, Jaime Maña ocupou a súa butaca para seguir o equipo granate. Pero foi un día especial, xa que o fixo acompañado de toda a súa familia e recibindo unha sentida homenaxe do club dos seus amores.
Jaime está a piques de cumprir os 91 anos de idade (farao este mércores 23 de outubro), e é o socio número 26 do Pontevedra. Viviu en primeira persoa os anos do 'Hai que roelo' en Primeira División, con partidos fronte a Real Madrid ou Barcelona e vendo o seu equipo liderar a máxima categoría, pero tamén baixou ao 'barro' mantendo o seu apoio en Terceira División e en anos de moita incerteza.
Seis décadas nas que nunca faltou no seu compromiso de renovar o carné de abonado. Primeiro, explica a súa familia, aforrando os cartos que podía en dous traballos, e até agora xa xubilado acudindo ao estadio cada domingo conducindo o seu vello coche e co xornal na man.
Con todo a Jaime Maña preséntaselle agora un desafío, xa que debido á súa idade non renovará o carné de conducir. Por iso a súa maior preocupación agora, aseguran, é apañalas para non faltar nos partidos do seu 'Pontevedriña'.
A bo recado farao, e é que a súa fidelidade á cor granate non coñece de barreiras.
Unha bonita historia con sopresa para o socio número 26, xa que as súas fillas coa colaboración do Pontevedra preparáronlle unha merecida homenaxe. Por iso recibiu de mans da presidenta, Lupe Murillo, e xunto ao capitán do equipo Álex González, un banderín enmarcado pola súa fidelidade ao longo de tantos e tantos anos.
