Máis de 200 rexistrados para estrear a travesía a nado do Río Lérez

Pontevedra
11 de setembro 2023

A proba deportiva, aperitivo á Gran Final das Series Mundiais, nace con vocación de continuidade. Foi presentada oficialmente este luns e terá lugar o vindeiro sábado 16 de setembro

Presentación da I Travesía a Nado Río Lérez
Presentación da I Travesía a Nado Río Lérez / Mónica Patxot

A contorna da praia fluvial será escenario o vindeiro sábado 16 de setembro da I Travesía a Nado Río Lérez, organizada polo Club Natación Galaico.

A proba, que foi presentada oficialmente este luns co apoio entre outros de Javier Gómez Noya xunto a edil de Deportes Anabel Gulías, servirá de aperitivo á Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, aínda que nace con vocación de continuidade.

"Queremos que quede, e mesmo temos pensado facer o ano que vén un descenso a nado polo Lérez", confirma o presidente do Galaico, Alberto Castro.

Na cita están xa confirmados máis de 200 deportistas, e a cifra subirá con algúns dos triatletas que teñen previsto competir nos mundiais.

Todo iso nun "circuíto deseñado para que sexa vistoso para a xente", explicou Cristian Fernández sobre un percorrido de 2.500 metros (dúas voltas de 1.250 metros).

A carreira de categoría máster e popular será a encargada de abrir a travesía ás 15.45 horas, seguindo próbaa elite ás 17.15 horas e por último as categorías inferiores de promoción (18.15 horas), infantil-alevín (18.45) e benxamín-prebenxamín-inclusiva (19.20 horas).

A xornada concluirá cunha convivencia na praia fluvial con comida e un concerto do grupo pontevedrés Mr. Magoo.