Máis de medio aforamento de Pasarón vendido para o España-Estonia Sub-21

Pontevedra
07 de outubro 2016

Durante a fin de semana a venda de entradas continuará activa na delegación pontevedresa da Federación Galega de Fútbol, no propio Estadio Municipal de Pasarón. Os adestramentos de España e Estonia do domingo serán abertos ao público

Partido da Selección Española Sub-21 en San Marino
Partido da Selección Española Sub-21 en San Marino

A venda de entradas para o partido internacional Sub-21 entre España e Estonia do próximo luns 10 de outubro en Pasarón marchan "a bo ritmo", segundo os datos que manexa a Federación Galega de Fútbol.

Polo momento vendeuse máis da metade do aforamento do Estadio Municipal de Pasarón, pero a venda continuará activa durante a fin de semana e espérase que aumente o ritmo coincidindo cos adestramentos oficiais, que serán abertos ao público.

Estonia exercitarase sobre o céped de Pasarón ás 18:45 horas do domingo, mentres que a Selección Española Sub-21 farao ás 19:45 horas.

Pola súa banda a venda de entradas seguirá activa durante a fin de semana nas oficinas da Delegación de Pontevedra da Federación Galega de Fútbol, situadas no propio estadio pontevedrés, en horario de 10:00 a 20:00 horas o sábado e de 10:00 a 22:00 horas. O domingo permanecerá aberto ademais o despacho de billetes de Pasarón de 18:00 a 22:00 horas.

O prezo das entradas é de 10 euros nos fondos, 15 en Preferencia e 20 euros na bancada de Tribuna.