As probas que se disputarán no encoro do Pontillón do Castro durante os dous próximos fins de semana, Campionato Galego de inverno e o Cidade de Pontevedra Nelo Winter Challenge, acollerán máis de mil padexeiros.
O Campionato Galego celebrarase este sábado 22 a partir das 9:30 horas disputándose sobre a distancia de 5.000 metros. ÿ unha proba que marca tamén o inicio oficial da tempada de competición oficial. A esta cita asistirán 32 clubs e 450 padexeiros. Os equipos que presentarán máis deportistas serán As Torres Romería Vikinga con 40 padexeiros; Pontecesures, con 32 e Kayak Tudense e Ciudad de Pontevedra, con 31.
Nesta competición realizaranse un total de sete saídas e participarán as categorías de cadetes, xuvenil, sénior e veteranos, tanto na modalidade de K-1 coma en C-1.
Esta proba, segundo a información facilitada pola Federación Galega de Piragüismo, é unha das máis importante da tempada e servirá como anticipo do Cidade de Pontevedra Nelo Winter Challenge, unha proba de prestixio que se disputará por primeira vez fóra de Portugal. A esta cita acudirán, os días 8 e 9 de marzo, deportistas de vinte países, entre os que se encontran padexeiros que gañaron mundiais ou ocuparon postos de relevancia nos Xogos Olímpicos.