Máis profundidade de banco no próximo proxecto do Arxil

Pontevedra
04 de maio 2018

A directiva do club pontevedrés quere unha rotación máis longa para evitar problemas de efectivos como os sufridos este ano polas lesións. Ademais das renovacións, o obxectivo pasa por lograr tres fichaxes que acheguen un extra de calidade ao plantel

Chantel Charles, no partido entre Arxil e Barça CBS no CGTD
Chantel Charles, no partido entre Arxil e Barça CBS no CGTD / Diego Torrado

Pechada a tempada na Liga Feminina 2 cos ascensos de Ensino de Lugo e Valencia Basket, no Club Baloncesto Arxil xa pensan no próximo curso.

A directiva do club pontevedrés púxose ao choio para confeccionar un equipo competitivo, o que pasa, pensan, por aumentar a profundidade do seu banco para evitar que momentos de lesións como os atravesados en varias fases do último curso condicionen o seu rendemento.

Tras as saídas de pesos do equipo como Ana Martín e Ana Román, a primeira das prioridades é lograr a renovación do resto do núcleo duro, como son María Lago, Arantxa Mallou, Cristina Díaz-Pache ou Chantel Charles, coas que xa se iniciaron as conversas.

Para máis adiante quedarán as negociacións coas xogadoras que alternan a súa presenza entre o primeiro equipo e o filial, xa que segue en competición.

Por último, e non menos importante, o Arxil peitea xa o mercado buscando aos reforzos que necesita para tentar dar un salto de calidade. Neste sentido o club, se retén ás actuais integrantes do equipo, pensa na incorporación de ata tres xogadoras.