Mal menor para o Pontevedra tras o inesperado tropezo do Unión Adarve

Pontevedra
07 de febreiro 2022

O cadro madrileño tiña a oportunidade de distanciar aos granates na loita polo liderado, pero sufriron este domingo contra prognóstico a súa primeira derrota do curso como local, o que deixa a pugna entre ambos tal e como estaba

Adestramento do Pontevedra en Pasarón
Adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Todo segue igual na pelexa polo liderado do Grupo I da Segunda RFEF, despois dunha xornada na que  sorpresivamente perderon os tres primeiros clasificados.

Tras nove xornadas sen caer o Pontevedra encaixou unha derrota o sábado en Leganés que deixaba a porta aberta ao líder, o Unión  Adarve, para ampliar unha vantaxe que defendeu con uñas e dentes nos últimos meses ante o empuxe pontevedrés. Con todo, cando menos esperábase, o cadro madrileño viuse sorprendido este domingo no seu campo polo Palencia Cristo Atlético, na que é a súa primeira derrota na casa da tempada. Non en balde o Adarve é o mellor equipo como local do grupo (27 puntos) e en toda a Segunda RFEF só lle supera nesta estatística o Córdoba (33 puntos).

Trátase só do segundo partido perdido do curso para o líder, que non caía desde a quinta xornada de competición en Avilés (5 de outubro). A iso súmase que o terceiro en discordia, o Navalcarnero, foi superado esta xornada polo Coruxo (2-0) sen poder aproveitar a escorregada dos seus rivais.

Desta forma o Adarve mantense na cabeza con 44 puntos, polos 39 que acumula o Pontevedra, os 33 do Navalcarnero e os 31 de Leganés B e Compostela pechando a zona de play- off.

Na casa granate eran conscientes de que nalgún momento podía chegar unha derrota, pero a minimización de danos supón todo un reforzo de moral para o que queda por diante, esperando recuperar a inercia gañadora para subir canto antes ao liderado, único posto que outorga o ascenso directo de categoría. A iso súmase que a próxima fin de semana chega unha xornada marcada en vermello no calendario para tentar poñerse a tiro de pedra dun  Adarve que visitará o campo do terceiro clasificado, o  Navalcarnero, mentres que os de Ángel Rodríguez recibirán en Pasarón o Bergantiños (domingo 13, 17.00 horas).

Queda unha semana menos para o fin da tempada regular, pero o Adarve mostrou por primeira vez un indicio de debilidade e no club de Pasarón confían en que iso poida supoñer un punto de inflexión na súa remontada.