Malas noticias para o Teucro: Juan Quintas pérdese o que resta de tempada

Pontevedra
29 de xaneiro 2019

O pivote teucrista deberá pasar polo quirófano para atallar a lesión de ombreiro que lle impediu competir ao máximo nivel nos últimos meses e que lle manterá o que resta de tempada afastado das canchas de xogo

Juan Quintas, no partido entre Teucro e Ángel Ximénez no Municipal
Juan Quintas, no partido entre Teucro e Ángel Ximénez no Municipal / Diego Torrado

Novo contratempo para a Sociedad Deportiva Teucro, que perde por lesión a un dos xogadores importantes nos esquemas de Luís Montes, sobre todo a nivel defensivo.

Juan Quintas non volverá xogar esta tempada ao confirmarse os peores prognósticos con respecto á lesión de ombreiro que lle impediu render ao máximo nivel nos últimos meses.

No club pontevedrés confiaban en que o descanso do Nadal contribuíse na súa recuperación, pero as dores persistían e as probas médicas que se lle realizaron nos últimos días revelaron o alcance exacto da doenza.

Quintas padece unha lesión 'SLAP' de grao 2 na parte superior do labrum do seu ombreiro, unha das doenzas máis temidas polos xogadores de balonmán ao tratarse dunha articulación fundamental para eles e que lle obrigará a pasar polo quirófano.

Aínda que neste momento é complicado dar un prognóstico concreto en canto ao período de baixa estimado, o que é seguro é que o pivote non volverá esta campaña ás canchas de xogo. 

Ante esta incidencias o Teucro debe decidir agora se busca un novo reforzo tras as recentes incorporacións de Poveda e Yano Piovarczik ou se aposta por seguir ata final de tempada co plantel actual.