Manu Cossío, renovado como adestrador do Poio Pescamar por unha tempada máis

Poio
06 de abril 2021

"O club esta contento co seu traballo e quere apostar por unha continuidade e proxecto de presente e futuro", explica o presidente do club conserveiro, Juanjo García

Manu Cossío no partido amigable entre Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca
Manu Cossío no partido amigable entre Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca / Cristina Saiz

O Poio Pescamar aposta pola continuidade do seu proxecto deportivo apoiando a continuidade de Manu Cossío como adestrador do primeiro plantel.

O conxunto conserveiro anunciou este martes a renovación do seu técnico por unha tempada máis, co equipo inmerso na segunda fase da liga co obxectivo de meterse no play- off polo título.

Nin os resultados das últimas semanas, nas que acumula varias citas sen vencer, foron impedimento para seguir confiando nun proxecto que deu un paso á fronte nos últimos meses, pelexando sen complexos cos grandes do panorama nacional e quedando a só un paso de levantar títulos, con senllas finais na Copa da Raíña e a Supercopa.

"O club esta contento co seu traballo e quere apostar por unha continuidade e proxecto de presente e futuro", explica o presidente do Poio  Pescamar, Juanjo García.

Manu Cossío cumprirá desta forma a súa segunda campaña consecutiva á fronte do equipo vermello, ao que chegou en pleno confinamento hai xusto un ano para substituír a Raúl Jiménez.