Manu Vizoso pon fin á súa etapa no Pontevedra

Pontevedra
19 de xuño 2025

O gardameta non seguirá no Pontevedra, tal e como confirmou este xoves o conxunto granate. Despídese despois de catro tempadas no club e tras destacar na Copa do Rei

Manu Vizoso adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Manu Vizoso adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Oitava baixa no Pontevedra Club de Fútbol.

Unha semana despois do seu último movemento oficial, a entidade granate confirmou a saída de Manu Vizoso.

O gardameta cangués, de 22 anos, pon así fin a unha etapa de catro anos na entidade de Pasarón, na que aterrou no seu último ano de xuvenil procedente do Alondras.

Tras un segundo ano centrado no filial, promocionou ao primeiro equipo na campaña 23-24 como segundo porteiro, e repetiu na tempada recentemente finalizada na que gozou de protagonismo nas últimas xornadas do campionato e sobre todo na Copa do Rei, na que foi o porterto titular nos partidos contra Levante, Villarreal, Mallorca e Getafe.

"Defendiches esta camiseta con orgullo dende a base, e deixas unha pegada que non se esquece", afirmou o Pontevedra na súa mensaxe pública de despedida cara ao porteiro.

"Moitísima sorte no camiño que te agarda", finaliza o club.

Vizoso únese a unha lista de saídas que completan polo momento Mario Gómez, Héctor Hernández, Dalisson de Almeida, Samu Mayo, Javi Fontán, Rares e Xabi Domínguez.

Coa súa marcha, e co futuro de Edu Sousa aínda no aire, a portaría de Pasarón queda a expensas de novidades para coñecer a súa composición.