Tres semanas despois da súa desvinculación completa do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias atopou novo banco nun dos rivais do equipo granate a próxima tempada na Primeira Federación.
Non fai falta esperar á división dos grupos para saber se concidirá co Pontevedra, e é que o seu novo equipo é outro dos galegos da categoría, o Club Deportivo Lugo.
Segundo informa a entidade lucense, Yago asina con eles por unha tempada máis outra opcional, en función de obxectivos.
Será presentado oficialmente o vindeiro martes ás 12:00 horas no Estadio Anxo Carro.
"A súa chegada ao CD Lugo responde á vontade do club de apostar por profesionais que coñezan a identidade galega e cheguen a sentirse parte do proxecto", explica o Lugo no seu comunicado oficial.
A entidade albivermella destaca ademais que chega ao club "tras asinar unha tempada histórica á fronte do Pontevedra CF", lembrando o ascenso e tamén a traxectoria na Copa do Rei.
📣 𝗢𝗙𝗜𝗖𝗜𝗔𝗟 | Yago Iglesias, novo adestrador do #CDLugo!
— Club Deportivo Lugo 🪓 (@CDeportivoLugo) June 19, 2025
👔 O técnico galego será o encargado de dirixir ao equipo nesta nova tempada!
🪓 Benvido, @yago_iglesias!#ForzaLugo
Desta forma o regreso de Yago Iglesias ao Estadio Municipal de Pasarón está asegurado, aínda que xa non será no banco local que ocupou durante as dúas últimas campañas.
O de Ribeira pechou recentemente unha etapa como granate na que acumulou 76 encontros oficiais entre Liga, play-off e Copa do Rei, cun saldo de 45 vitorias, 18 empates e só 13 derrotas.