Manuel Abalo reconsidera a súa postura e preséntase como candidato para seguir presidindo o Arosa

O Salnés
28 de maio 2015

O aínda presidente en funcións do club de Vilagarcía móstrase disposto a continuar ante a petición dalgúns socios da entidade e patrocinadores, segundo explica nun comunicado

Manuel Abalo (segundo pola dereita) na presentación da segunda equipación do Arosa
Manuel Abalo (segundo pola dereita) na presentación da segunda equipación do Arosa

O prazo para presentar candidaturas para presidir o Arosa SC finaliza o venres ás 20:00 horas, hora na que se fixou a primeira convocatoria dunha asemblea de socios clave no club arlequinado.

Nun principio a asemblea ía supoñer o traspaso de poderes de Manuel Abalo na presidencia, toda vez que o aínda dirixente anunciara a súa intención de abandonar a entidade.

Non obstante, a ausencia ata o momento de candidatos e a petición dalgúns socios e patrocinadores fixo que Abalo reconsiderase a súa postura.

"Son moitas cousas, dáme medo que os principais patrocinadores do club cumpran a súa advertencia e deixen de colaborar se nos imos", explica o presidente arosista nun comunicado, no que asegura tamén que hai xente disposta a colaborar co club se existe continuidade.

A asemblea de socios celebrarase este venres no salón de plenos de Ravella con dous únicos puntos na orde do día: a presentación das candidaturas e a elección de presidente.