Manolo Abalo reelixido como presidente do Arosa por aclamación

O Salnés
30 de maio 2015

Manuel Abalo Portas foi reelixido como presidente do Arosa SC por aclamación, na asemblea de socios celebrada na noite deste venres no salón de plenos do Concello de Vilagarcía, a que asistiron case 100 socios

Manolo Abalo, presidente do Arosa, durante a asemblea de socios na que foi reelixido
Manolo Abalo, presidente do Arosa, durante a asemblea de socios na que foi reelixido / Arosa SC

Manuel Abalo Portas foi reelixido como presidente do Arosa SC por aclamación, na asemblea de socios celebrada na noite deste venres no salón de plenos do Concello de Vilagarcía.

Case 100 socios asistiron á asemblea, que foi moi breve. En primeiro lugar preguntouse ao público asistente se alguién quería presentar a súa candidatura, ademais da xa presentada por Manolo Abalo. Ao non haber máis candidatos, procedeuse a proclamar de novo como presidente do Arosa a Manuel Abalo Portas, momento no que o público presente no salón de plenos se ergueu para aplaudir o renovado presidente.

O primeiro que fixo Manolo Abalo foi dar as grazas a todos polo apoio ofrecido, aínda que tamén dixo que lle daba pena que non houbese máis candidaturas presentadas, para pasar logo a temas deportivos para indicar que de inmediato se poñerá en marcha a planificación da nova tempada.

Nese sentido apuntou a que a súa primeira opción para o posto de adestrador é renovar a Piscis, porque "merece estar ahi o ano que ven". O presidente tamén se referiu ao tema da clasificación do primeiro equipo: "Deume pena non poder entrar este ano no play-off. Intentaremos facer un equipo para pelexar por quedar nos primeiros postos".