Primeiros movementos no plantel do Arosa

O Salnés
18 de xuño 2015

O cadro arlequinado anuncia que Javi Pazos, Juanito e Nano non continuarán no club. Ademais o Arosa repescará ao canteirán Rubén Martínez tras a súa cesión en Sanxenxo

Javi Pazos durante un partido co Arosa
Javi Pazos durante un partido co Arosa / Arosa SC

Primeiro foi a continuidade na presidencia de Manuel Abalo, despois a do corpo técnico encabezado por Piscis e agora tócalle a quenda ao plantel.

O Arosa dá os primeiros pasos na composición do equipo que volverá competir en Terceira División, co horizonte de pelexar polos catro primeiros postos que se escaparon esta tempada no tramo final da liga.

O club arlequinado tomou as súas primeiras decisións na parcela deportiva anunciando que prescinde por decisión técnica de Javi Pazos e de Juanito.

Ademais Nano non continuará en Vilagarcía ao marchar a Suíza por motivos laborais.

Pola contra o Arosa confirmou a súa primeira incorporación coa recuperación do canteirán Rubén Martínez.

O xogador, que estivo a préstamo o pasado ano no Xuventú Sanxenxo onde xogou con asiduidade e marcou sete tantos, reforzará a banda esquerda do equipo adestrado por Piscis.