A Sociedad Gimnástica de Pontevedra pode presumir de contar nas súas filas con todo un subcampión nacional de maratón.
Manuel Hurtado logrou ese fito, colgarse a medalla de prata no Campionato de España Absoluto da distancia, na carreira celebrada a fin de semana en Ciudad Real, na que pelou polo ouro ata os últimos metros.
Tan igualado foi o final, que Hurtado completou os 42.195 de percorrido en 2 horas, 23 minutos e 52 segundos, a só 3 segundos do vencedor, Luís Miguel Sánchez (Atletismo Bikila), mentres que terceiro nun final espectacular e tamén moi preto da vitoria foi Alberto Puyuelo (Atlético Oroel) con 2:23:56. O podio máis igualado nos 82 anos de historia do campionato nacional.
O maratón de Ciudad Real foi, sinala a Real Federación Española de Atletismo, unha carreira táctica desde o inicio. Por diante escapou o kenyano Kirui Stanley Kipkoech, mentres que por detrás os favoritos empezaron mostrarse ao redor do quilómetro 16 en persecución da cabeza.
Cinco atletas chegaron ao último quilómetro con opcións, entre eles o representante do clube pontevedrés que aguantou a última selección pero que non puido no sprint co abulense Luís Miguel Sánchez.
A pesar diso a medalla sabe a triunfo para un atleta que compite xa en categoría máster pero que é capaz de medirse aos mellores fondistas do panorama nacional.