O Maratón de Fátima asina unha edición histórica en Poio

Poio
24 de maio 2026

A proba celebrou este domingo a súa edición máis numerosa con 368 participantes que percorreron a contorna da localidade poiense nun percorrido que comezou na Praza da Graña

XXXVII Maratón de Fátima

Récord de participación no Maratón de Fátima, unha histórica proba deportiva organizada polo Concello de Poio xunto á Asociación de Vecinos de Campelo.

Un total de 368 participantes gozaron do marabilloso clima que acompañou á xornada para pasar por diversos puntos do municipio nun percorrido de 7,5 quilómetros.

Tanto a recollida de dorsais como a saída se deron na Praza da Graña, en Campelo. Alí reuníronse todos os corredores ás 10:00 da mañá para disputar a proba reina.

Tras o pistoletazo de saída, os participantes dirixíronse á contorna de Lourido para chegar á praia da Cabeceira e continuar o seu camiño cara á Seca.

Unha vez terminada a proba absoluta chegou o momento dos máis pequenos. Ás 11:15 saíu a categoría Xouba, que se enfrontou a un percorrido de 3 quilómetros.

Dez minutos despois foi quenda para a categoría Xurel cun percorrido de 800 metros, seguiulle a categoría Ollomol cunha carreira de 400 metros e pecharon a xornada as categorías chupete e biberón con distancias de 200 e 100 metros respectivamente.

Antes de concluír a gran xornada deportiva levouse a cabo unha entrega de trofeos que premiou ao tres primeiros clasificados das categorías absoluta e xouba, facendo distinción entre masculino e feminino.

Tamén houbo un premio especial ao mellor atleta local empadroado en Poio, tanto na categoría masculina como na feminina. Nas categorías infantís repartíronse medallas entre todos os nenos e nenas ademais dunha camiseta conmemorativa.

A maiores, a Deputación de Pontevedra instalou postos de foodtrucks que os participantes puideron gozar de forma gratuíta.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora