Marcelino réndese ao Pontevedra: "Superounos en todo. Creo que o resultado até é curto"

Pontevedra
05 de decembro 2024

O adestrador do Villarreal non puxo escusas á derrota do seu equipo en Pasarón, asegurando que "o Pontevedra nos superou en todas as facetas do xogo e en todas as zonas do campo"

Marcelino García Toral, en Pasarón durante o Pontevedra-Villarreal
Marcelino García Toral, en Pasarón durante o Pontevedra-Villarreal / Mónica Patxot

Decepcionado e con cara seria. Así compareceu o adestrador do Villarreal, Marcelino García Toral, na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón tras a eliminación do seu equipo na Copa do Rei.

O técnico do equipo amarelo, iso si, non puxo nin unha só escusa á derrota.

Tal e como recoñeceu "o Pontevedra superounos en todas as facetas do xogo e en todas as zonas do campo. Esa é a explicación".

"Dicía na previa que eramos favoritos, pero iso hai que demostralo no campo", engadiu sinalando que "a nosa posta en escena non foi a correcta".

Marcelino incidiu nesta valoración asegurando que "vin un equipo absolutamente descoñecido en relación ao que vimos facendo ao longo da competición ligueira e vin a un Pontevedra extraordinario. Superounos en todo, é que cando un rival te supera en todo, pois hai que felicitalo".

De feito o adestrador asturiano recoñeceu que "non lembro unha ocasión clara de gol que teñamos, e o Pontevedra tivo varias e tivo máis achegamentos, máis dominio, máis xogo, máis todo".

Tanto é así que "creo que o resultado até é curto", afirmou nun par de ocasións entre as preguntas dos xornalistas.

En definitiva "cando xogas e compites de desta maneira, o normal é que perdas", concluíu