Cun sorriso, como non podía ser doutra maneira, Yago Iglesias compareceu na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón tras eliminar a todo un Villarreal na segunda rolda da Copa do Rei.
"É unha noite para gozar. Estivemos á altura das expectativas e competimos moi ben ante todo un equipo de Champions", afirmou o técnico.
Yago agradeceu as palabras de Marcelino García Toral, recoñecendo a superioridade granate, e que son "para sentirse orgulloso", pero é que "teño a sensación de que fixemos un gran partido", insistiu o preparador granate.
Para Iglesias, ademais do xogo do seu equipo "creo que o partido se gañou tamén desde a bancada" grazas ao "empuxe da xente desde o primeiro momento".
"Está a xerarse un ambiente moi chulo dentro do club e a afección, que creo que nos ten que dar esas ganas para seguir", sinalou.
No que respecta ao partido "evidentemente non xeramos tanto como o día de Levante, pero creo que tivemos o control completamente do xogo. No cómputo xeral, o Ponteveda xerou máis que o Villarreal", afirmou.
Por méritos propios os granates gañaron o dereito a pensar en recibir a un dos grandes do fútbol nacional. "Vai ser un premio para todos. Rómpenos as vacacións de Nadal porque nos obriga a volver antes pero bendito problema", recoñeceu sobre a seguinte eliminatoria, que se xogará a primeira semana do ano.
O rival apunta aos equipos que disputan a Supercopa de España (Barcelona, Real Madrid, Athletic ou Mallorca), pero "o Mallorca xa estivo aquí, a poder ser que sexa outro que non estivo", concluíu Yago cun sorriso.