A 'Marea Granate' chegará até Tenerife

Pontevedra
12 de maio 2026

Preto dun cento de afeccionados granates contan xa con entrada para o encontro no que o Pontevedra pode sacar billete directo para o play-off de ascenso

O Pontevedra CF coa súa afección na Malata
O Pontevedra CF coa súa afección na Malata / Pontevedra CF

É un dos desprazamentos máis complexos da tempada, pola distancia e o custo que supón viaxar até as Illas Canarias, pero o Pontevedra Club de Fútbol non estará só en Tenerife.

A 'Marea Granate' chegará, en bo número, até o Estadio Heliodoro Rodríguez López, no que o equipo pontevedrés buscará este domingo 17 de maio (17.00 horas) certificar de maneira matemática a súa presenza no play-off de ascenso.

Este luns eran xa máis de 70 os afeccionados que sacaran a súa entrada para o sector visitante do Heliodoro, acudindo ás oficinas de Pasarón.

Poden aínda sumarse seguidores até o vindeiro xoves, e de feito a previsión do Pontevedra é chegar ao cento de incondicionais.

Moitos deles levan meses co groso da viaxe a Tenerife (voos e aloxamento) pechado, dado o rechamante do desprazamento e a súa proximidade ao final da competición coa previsión ademais de que podía estar algún obxectivo en xogo.

O que seguro que non se imaxinaban é que esa meta a lograr fose facerse cun billete para a fase de ascenso a Segunda División.

O Pontevedra pecharíao de maneira matemática cun triunfo no campo do xa campión Tenerife ou se tropezan os seus perseguidores.

Neste sentido os granates, cuartos, suman 57 puntos polos 54 de Ponferradina e Barakaldo, aos que ten o average gañado, e os 52 de Unionistas. Polo medio con 56 puntos está tamén en zona de play-off o Real Madrid Castilla.

Un motivo que engade unha tremenda ilusión á viaxe a Canarias, e aos que non poidan acompañar o equipo quedaralles a opción de seguir o encontro de maneira colectiva na pantalla xigante que se instalará na Avenida Montero Ríos segundo o anuncio realizado este luns pola Deputación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora