Unha das pezas crave do Arxil nas últimas tempadas continuará no equipo. Trátase da escolta María Lago, que se converteu na primeira renovación do club pontevedrés para a tempada 2016-2017. Será a súa sexta tempada no Arxil.
Aos seus 23 anos e cos seus 1.75 metros, a xogadora do Porriño asinou durante a pasada tempada 11,7 puntos, 4,1 rebotes, 2,7 asistencias e 2,8 roubos por partido, cunha valoración media de 9,9 puntos por encontro.
A propia María Lago apunta que pertencer un ano máis ao Arxil e continuar xogando en Pontevedra "é unha honra para min", dado que "renovar é unha gran alegría, porque significa que tanto o club como eu terminamos a tempada satisfeitos e queremos seguir loitando o próximo ano".
A escolta ten claro que fai dúas campañas "puxemos o listón moi alto" ao clasificarse para a fase de ascenso e "parece que a pasada foi mala e non é así", xa que o equipo tivo numerosos problemas con xogadoras importantes no equipo. "Estou segura de que este ano tamén seremos un equipo competitivo que loitará por estar o máis arriba posible", asegura.
Pola súa banda, o técnico do conxunto verde, Lino Vázquez, considera a renovación de María Lago como un "paso importante" para o club tanto pola súa importancia na cancha, sendo unha das referentes do equipo a tempada pasada, como pola súa condición de xogadora local, un aspecto "no que queremos seguir incidindo durante as próximas tempadas".
O Arxil continúa traballando para perfilar o seu plantel canto antes e asegura que as negociacións neste sentido xa están moi avanzadas.