Ao segundo día de competición chegaron as primeiras medallas para o Club Natación Galaico no Campionato de España de Inverno de Natación que se está celebrando en Xixón.
Chegaron ademais por partida dobre grazas ás súas dúas nadadoras olímpicas, María Vilas e Bea Gómez Cortés, que compartiron podio na proba dos 400 estilos.
Ambas as dúas pasaron á final despois de ser a segunda e terceira máis rápidas nas quendas clasificatorias (4:43.58 Vilas e 4:46.21 Gómez Cortés), o que as colocaba entre as favoritas á vitoria. Con todo o triunfo na final foi para Paula Juste (CN Lleida) cun tempo de 4:36.38 nunha bonita pelexa coas dúas galegas.
Segunda e por tanto medalla de prata chegou María Vilas (4:38.55) mentres que Bea Gómez foi terceira moi preto da súa compañeira de equipo (4:39.20). As dúas rebaixaron con este rexistro a marca mínima esixida para o Campionato de Europa que se celebrará en Glasgow.
Nos 400 estilos competiu tamén Carla Goyanes, co 30 mellor tempo nas preliminares (5:07.19), mentres que Daniel Sánchez participou na proba de 50 costas logrando meterse na final B, na que foi cuarto (25.68).
A gran cita nacional da tempada de piscina curta non concluirá ata o domingo día 17 de novembro.