O Campionato de España de Inverno de Natación que se estaba celebrando en Xixón chegou á súa fin. As protagonistas do Club Natación Galaico foron María Vilas e Bea Gómez que, unha vez máis, compartiron podio.
Ás medallas de prata e bronce conseguidas o segundo día de competición na proba dos 400 estilos, súmanselle as de ouro e prata na proba de 800 libres logradas este domingo.
María Vilas finalizou en primeiro lugar cun tempo de 8.25.24, mentres que a súa compañeira de equipo, Bea Gómez, foi segunda con 8.31.09. Ambas rebaixando, de novo, a marca mínima esixida para o Campionato de Europa que se celebrará en Glasgow.
Así mesmo, na xornada celebrada o sábado, ambas as dúas nadadoras quedaron ao bordo das medallas. Bea Gómez finalizou quinta (2.15.70) e María Vilas sexta (2.15.98) na proba de 200 estilos e nos postos 12 e 18 respectivamente nos 200 libres.