Pleno do Natación Galaico no Campionato Galego de Longa Distancia

Pontevedra
17 de decembro 2019

María Vilas, Carla Goyanes, Pablo Martín e Alicia Bouzas conseguiron a medalla de ouro no campionato autonómico celebrado a fin de semana na localidade coruñesa de Carballo

María Vilas e Carla Goyanes no Campionato Galego de Longa Distancia
María Vilas e Carla Goyanes no Campionato Galego de Longa Distancia

O Club Natación Galaico celebra os resultados conseguidos polos seus deportistas no Campionato Galego de Natación de Longa Distancia en piscina de 25 metros celebrado a fin de semana na localidade coruñesa de Carballo.

O conxunto pontevedrés comparecía na cita con só catro nadadores, pero todos eles conseguiron proclamarse campións autonómicos nas probas nas que competiron.

A olímpica María Vilas levou a medalla de ouro nos 3.000 metros sénior cun tempo de 33:01.93, mentres que Carla Goyanes foi primeira na categoría Júnior 2 cunha marca de 35:12.50.

Ademais Alicia Bouzas proclamouse campioa galega nos 2.000 metros de categoría infantil (23:22.92), mesma idade na que venceu Pablo Martín (22:52.34).

Grazas a estes resultados o Galaico foi terceiro na clasificación xeral de clubs, ao vencer na categoría feminina e ser sétimo na masculina.