Marín e Pontevedra contáxianse de baloncesto co inicio dos campionatos de España infantil

Pontevedra
10 de xuño 2018

Emoción e deportividade caracterizaron a primeira xornada de competición nos Campionatos de España de Baloncesto en categoría infantil que este domingo deron o seu pistoletazo de saída en Marín e Pontevedra e que se prolongarán ata o vindeiro sábado 16 de xuño

Campionatos de España de baloncesto en categoría infantil
Campionatos de España de baloncesto en categoría infantil / Diego Torrado

Deportividade, gran ambiente e sobre todo moita emoción. Así levantaron o pano este domingo en Marín e Pontevedra os Campionato de España de baloncesto infantil.

Os pavillóns da Raña, O Sequelo e o Colexio San Narciso de Marín viviron unha frenética primeiro xornada de competición na categoría masculina.

Ata seis encontros disputáronse nas dúas primeiras canchas, mentres que o San Narciso acolleu catro encontros nunha xornada positiva para os equipos galegos. Dos tres en liza só Instituto Rosalía cedeu ante Cantbasket (44-54), mentres que Estudiantes de Lugo venceu á Roda (79-51) e Peleteiro a CB Ilicitano (61-48).

Destacou ademais o esmagador triunfo do Real Madrid ante Guadalupe (57-6) confirmándose como un dos grandes favoritos ao título, mentres que Barcelona superou con solidez a UCAM Murcia (82-50).

En canto ao torneo feminino, o domingo foi igual de frenético nos pavillóns pontevedreses de Príncipe Felipe, Universitario e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Aquí os equipos galegos non tiveron un bo día, con derrotas de Allariz ante o Gran Canaria (48-91), Bosco Salesianos contra Basket Almeda (53-66) e Celta ante Ordizia.

Os Campionatos de España de baloncesto en categoría infantil prolongarán a súa actividade en Marín e Pontevedra ata o vindeiro sábado día 16 de xuño.