Marín Futsal e Poio Pescamar velan armas para o 'Derbi da Ría' máis especial

Marín
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O pavillón de Príncipe Felipe, en Pontevedra, acolleu este martes a presentación da gran final da Copa Galicia de fútbol sala, que xogarán no mesmo escenario o vindeiro xoves 28 de marzo Poio Pescamar e Marín Futsal

Presentación da final da Copa Galicia de fútbol sala
Presentación da final da Copa Galicia de fútbol sala / Real Federación Galega de Fútbol

O pavillón de Príncipe Felipe, en Pontevedra, acolleu este martes a presentación da gran final da Copa Galicia de fútbol sala, que xogarán no mesmo escenario o vindeiro xoves 28 de marzo (12.00 horas) o Poio Pescamar e o Marín Futsal.

Será o 'Derbi da Ría' máis especial para ambos os dous conxuntos, co título autonómico como recompensa para o equipo vencedor.

En caso de vencer sería a cuarta Copa Galicia para o Poio Pescamar, mentres que o Marín Futsal aspira a estrearse no palmarés do torneo.

O acto de presentación da final contou coa presenza do presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; as presidentas de Poio Pescamar e Marín Futsal, Olalla Folla e Araceli Pastoriza; e os alcaldes de Marín e Poio, María Ramallo e Ángel Moldes, ademáis das capitás de ambos os dous equipos, Café e Irene García.

Será unha cita de alto nivel na que "dicirlle a toda Galicia que temos os mellores equipos, dicirlle a toda Galicia que en Pontevedra somos referentes en fútbol sala feminino e dicirlle a toda Galicia que as e os pontevedreses apoiamos e fomentamos o deporte feminino", defendeu o presidente provincial.

Louzán pola súa banda aproveitou a ocasión para reivindicar que con 2.600 licenzas Galicia é "un referente do fútbol sala feminino a nivel nacional".

A final, con entradas a 5 euros para o público (de balde para os menores de 10 anos), poderá seguirse en directo a través da segunda canle da Televisión de Galicia.