Grandes noticias para o Marín Futsal, que saíu vencedor do partido de volta das semifinais do play-off de ascenso ante o Salesianos Puertollano tras imporse por 4-5 e lograr así unha vitoria por 5-7 no marcador global.
O guión do encontro sorriu ao conxunto marinense ao tres minutos do asubío inicial, pois Ceci cociñouse unha gran xogada individual por banda dereita e asistiu a Paola Leao, que definiu no segundo pau para facer o 0-1.
A reacción local tardou, pero chegou no minuto doce nunha xogada desafortunada para as galegas. Yuria Suto detivo un man a man a Laura Laloma e o balón rebotou na propia Paola coa mala sorte de que colleu dirección portaría. Táboas de novo no marcador (1-1), aínda que non na eliminatoria.
A inercia positiva acompañou ao Salesianos até igualar o global (3-3) nun disparo afastado de Vicky Bella que entrou pegado á cepa do poste para pór o 2-1 no partido a cinco minutos do descanso.
O equipo de Raúl Jímenez tratou de baixar as revolucións ao encontro no final do primeiro tempo para evitar males maiores, polo que todo quedou por decidir para a segunda metade dun partido que se puxo costa arriba para as visitantes.
Continuaron as alternativas nos primeiros minutos do segundo acto con bos achegamentos do Marín Futsal que se traduciron nas primeiras ocasións de gol. Paola Leao probou cun disparo afastado nunha destas chegadas que parecía non entrañar perigo. Con todo, Alba Fernández errou no seu blocaxe e Carol apareceu para recoller o balón morto e anotar o 2-2.
Insistiu e persistiu o cadro marinense e o premio chegou novamente un minuto despois nunha xogada a balón parado que Thais culminou con gran acerto para darlle a volta ao partido e pór o 2-3. O escenario volveuse moito máis favorable, pois as galegas contaban con dous goles de vantaxe no resultado global (3-5).
Tentou facer máis dano aínda o Marín ao atacar con porteira-xogadora, algo que lle custou o gol do empate a doce minutos para o final por unha perda de balón (3-3). Apenas medio minuto despois tívoa Edurne para o cadro puertollanense cunha dobre ocasión frustrada por Yuria e, posteriormente, pola madeira.
Foron momentos de dúbidas para un equipo marinense que, a pesar de ter aínda un tanto de vantaxe no global, sabía da dificultade de resistir as arremetidas do conxunto local. O encontro entrou nos dez últimos minutos con todo no aire.
E foi nese preciso momento cando Ceci sorprendeu cun tiro afastado que envelenouse até superar a Alba grazas á colaboración de Thais, que molestou o xusto á gardameta para enganala cun posible remate (3-4).
Pero o Salesianos non dixera a súa última palabra e igualou unha vez máis o encontro cun zurzado afastado de Vicky Bella que se coou con suspense na portaría de Yuria tras dar na madeira (4-4). Restaban sete minutos para a conclusión.
Xogoulla Óscar Horna con porteira-xogadora no tres últimos minutos, situación que obrigou ao Marín a defenderse con uñas e dentes para manter o gol de vantaxe no resultado global.
Ocasións non faltaron, pero a falta de acerto do Salesianos favoreceu os intereses dun conxunto galego que sentenciou a eliminatoria a falta de pouco máis dun minuto. Foi nun bo contragolpe culminado por Lucía Souto "Kiko", que definiu con calma para pór o 4-5 (5-7 no global).
Con este resultado concluíu un encontro de alternativas para ambos no que o Marín Futsal logrou sacar maior rédito grazas, en parte, á vantaxe obtida no encontro de ida. O equipo de Raúl Jiménez disputará a final do play-off de ascenso a Primeira División.
Consulta a acta neste enlace.