Non houbo premio para o Marín Futsal, que tras empatar na ida do play-off de ascenso a Primeira División ante o InterSala 10 Zaragoza (1-1) caeu na volta disputada este domingo en terras mañas (3-2). O equipo de Raúl Jiménez xogará de novo na segunda categoría.
Arrincou o encontro de forma enérxica e a punto estivo de adiantar Ceci ao conxunto marinense nun temperán man a man que María Soláns desviou a saque de esquina. Estivo moi acertada a meta local nos primeiros compases do encontro con varias intervencións de mérito.
As chegadas das galegas sucedéronse con cada vez máis frecuencia ata que Bibi aproveitou un pase milimétrico de Ceci ao segundo pau para anotar a pracer o 0-1 no minuto seis de partido. Este tanto tamén adiantaba ás de Raúl Jímenez no resultado global da eliminatoria (1-2).
Reaccionaron as aragonesas pouco despois con varios achegamentos á área de Yuria Suto ata que Marina golpeou cun dereitazo á media volta que superou á meta xaponesa e devolveu a igualdade ao marcador (1-1).
E volveu refacerse o Marín Futsal a oito minutos para o descanso nunha acción que tivo as mesmas protagonistas que o primeiro tanto marinense. Ceci fíxose co balón na banda dereita e buscou un disparo cruzado que Soláns desviou co pé. Apareceu entón unha atenta Bibi que non dubidou á hora de rematar o rexeite coa meta rival practicamente vencida (1-2).
Repetiuse de novo o guión e igualou a contenda o InterSala 10 Zaragoza a pouco máis dun minuto para o ecuador do encontro nunha transición ofensiva que culminou a goleadora local Marina Escaño (2-2).
👊 Xogámonos o ascenso!
— Futsal RFEF (
⚔️InterSala10_Zgz vsmarin_futsal
📺 En directo! > https://t.co/bYvV0jIVsf pic.twitter.com/3oJ1jFEeRbFutSalRFEF) June 21, 2026
O castigo foi maior aínda, pois Marina probou cun punteirazo nun saque de banda que se coou na portaría tras tocar en Yuria, factor que deu validez ao tanto e que puxo por diante as locais cando o partido xa se encamiñaba ao descanso (3-2).
Ningún dos dous conxuntos negociou a intensidade e o traballo nun segundo tempo que arrincou co Marín Futsal totalmente implicado na procura do gol do empate. E aínda que as mellores ocasións foron para as galegas, o conxunto maño tamén obrigou a Yuria a sacar a súa mellor versión para evitar males maiores.
Caldeouse o ambiente co paso dos minutos e aumentou o ritmo dun encontro que se encamiñou cara aos seus dez últimos minutos con todo por decidir.
Tívoas o Wanapix Aldelis InterSala 10 Zaragoza para sentenciar a sete minutos do final, momento no que apareceu de novo a gardameta nipoa para manter con vida ao equipo de Raúl Jiménez.
Dous minutos despois estalou a polémica, pois Ceci anotou o tanto do empate cun disparo cruzado desde a esquerda pero o dúo arbitral non lle deu validez ao entender que o balón saíra da pista na condución previa da xogadora do Marín.
A madeira frustrou o cuarto dun conxunto local que se cargou con cinco faltas a dous minutos do final. Detívose o crono por tempo morto e o técnico do cadro marinense apostou polo ataque de cinco tras a reanudación.
Puido chegar o empate nos pés de Ceci e estrelou outro balón na madeira Nerea Luna para as aragonesas nun golpeo desde metade de campo a portaría baleira. Tamén Carol rozou o tanto do empate ao recoller un rexeite de María Soláns que non puido materializar.
Non se moveu o marcador e o encontro terminou con vitoria para o InterSala 10 Zaragoza (3-2), que leva a final do play-off por un resultado global de 4-3 á conta dun Marín Futsal que queda ás portas do ascenso a Primeira División.
Podes consultar a acta neste enlace.