Marín reúne a máis de 1.000 xogadores na décima edición do Torneo Antonio Suárez

Marín
22 de xuño 2026

Como novidade, celebrarase unha gala inaugural o venres ás 21:30 horas na Alameda, na que se fará a presentación oficial dos clubs participantes. Tambián haberá música en directo

Presentación da décima edición do Torneo Antonio Suárez
Presentación da décima edición do Torneo Antonio Suárez / Concello de Marín

O Torneo Antonio Suárez chega este fin de semana á súa décima edición reunindo a máis de 1.000 participantes entre o venres e o domingo.

A alcaldesa, María Ramallo, xunto a representantes da directiva do Marín Futsal, presentou este luns na Alameda Rosalía de Castro esta especial edición, marcada polo décimo aniversario dun evento que non deixou de crecer e que apunta a ser un dos máis multitudinarios da súa historia.

O torneo contará coa participación de máis de 20 clubs e ao redor de 80 equipos, que disputarán os seus encontros en tres intensos días.

O venres a cita celebrarase de 10:00 a 20:00 horas; o sábado, de 09:00 a 23:00 e o domingo en horario matinal. A entrega de premios está prevista para o domingo a partir das 19:00 horas.

Como gran novidade, esta edición incorporará unha gala inaugural o venres ás 21.30 horas na Alameda, coa presentación oficial dos clubs participantes e música en directo, coa que a organización busca pór en valor a traxectoria do torneo no seu décimo aniversario.

Nesta edición participarán o Lago Sport, O Parrulo Ferrol, Redondela FS, FC Wyler Bern, Toledo FS, E. Limones 5 Rivillos, Rivas Atlantic, Victoria Guimaraes, Trepalio León, CD Composala, Jogafan Ordes FS, CD La Peña, 5 Coruña FS, Saraiba do Mar, Carballiño FS, ADFS Bueu, ED Poio Pescamar, Lugo Sala, Sala Ourense, Stellae-Leis e o propio Marín Futsal.