Marín sitúase como punto de interese para a escalada ao aire libre en Galicia

Marín
20 de outubro 2025

O Concello de Marín e o Club Aromon colaborarán para habilitar até 30 vías de escalada con diferentes graos de dificultade nos cantís da costa marinense

Traballos para habilitar unha zona de escalada ao aire libre en Marín
Traballos para habilitar unha zona de escalada ao aire libre en Marín / Concello de Marín

Situar a Marín como un punto de interese para a escalada galega é o obxectivo da colaboración aberta entre o Concello e o Club Aromon.

A entidade deportiva e a administración local proxectan habilitar unha zona de escalada ao aire libre aproveitando a singular morfoloxía dos cantís da costa marinense.

En concreto, explican, a intención é chegar a ofrecer máis de 30 vías de escalada con diferentes graos de dificultade.

Desta forma sería accesible tanto para escaladores principiantes como para os máis experimentados.

Xa se iniciou a colocación das vías de escalada, e a previsión é que a zona poida estar completamente operativa antes de final de ano.

"Estes cantís de granito son un agasallo para a práctica da escalada e por iso consideramos moi interesante a proposta de Aromon para poñelos en valor de xeito responsable, dando opcións aos amantes deste deporte, que cada vez ten máis persoas adeptas", asegura a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Ademais de habilitar a área de escalada ao aire libre, Aromon buscará a súa homologación.

O equipamento de seguridade está a ser instalado integramente polo especialista Alfonso Bock coa colaboración de Gustavo Fariña, ambos os dous con acreditación oficial como Técnicos en Áreas Verticais de Actividades Deportivas no Medio Natural (TAVAD) da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, e de Gabriel González.

A colaboración entre o Concello de Marín e o Club Aromon inclúe o compromiso de realizar un mantemento periódico da zona, a organización dun curso de iniciación para marinenses e a inclusión dos cantís en guías de escalada.