Martes santo de paixón futboleira coa fase final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais

Pontevedra
15 de abril 2025

Pontevedra repetía este martes como sede do Campionato Galego de Seleccións Comarcais Sub-11 e Sub-13, tanto en categoría masculina como feminina

Fase final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol
Fase final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol / Pablo Ajuria / Brais Porto

En plena Semana Santa a 'paixón' non só é relixiosa en Pontevedra.

Tamén a provocan eventos como a auténtica festa do fútbol base da que foi escenario este martes a Boa Vila.

A cidade repetía como sede do Campionato Galego de Seleccións Comarcais Sub-11 e Sub-13, tanto en categoría masculina como feminina, esta vez para a súa segunda xornada e fase final.

Desde moi cedo os campos do Complexo Deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira enchéronse de actividade no terreo de xogo e nas bancadas.

Tamén o fixeron os campos de Monte Porreiro e de Chan do Monte, en Cerponzóns.

En total reuníronse en Pontevedra 600 deportistas, acompañados de técnicos, familiares e amigos.

Participaron un total de 32 seleccións procedentes de Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Costa da Morte.