Case a metade de todas as medallas logradas pola selección española no campionato de Europa junior e sub23 de piragüismo sprint, celebrado en Pitesti (Romanía), cinco de once, foron para padeeiros galegos.
Entre eles destacou o ouro que logrou o pontevedrés Martín Jácome (Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra), xunto ao seu compañeiro Pedro Torrado (As Torres Romaría Viquinga de Catoira), tras vencer na final do C2 sub23 500 metros.
A embarcación española cruzou a meta en primeiro lugar cun tempo de 1:42.026, impóndose por 0.694 segundos á parella polaca Juliusz Kitewski e Krystian Holdak, que finalizou segunda. O podio completárono os romaneses Ioan Rotundu e Braulio Flores-Mateescu.
Os deportistas galegos, que estiveron presentes en nove finais, volveron demostrar o seu peso internacional cunha xeración que brilla na elite continental.
Así, na final feminina do K4 sub23 500 metros, a embarcación formada por Yaiza Novo (Rías Baixas-Boiro) e Sara Durán (CP Portonovo), xunto a Daniela García e Carla Corral, foi segunda e levou a prata. Só superoulles o equipo de Eslovaquia. As alemás foron terceiras.
A outra medalla de prata foi para Raúl Fernández (As Torres Romaría Viquinga de Catoira) e Antón Lagares (Club Ría de Betanzos) na final do C2 júnior 500 metros.
A colleita galega completouse co bronce de Silvia Gago e Lara Remigio, ambas as de O Muiño de Ribadumia, no C2 junior 500 metros.
Ademais, España foi bronce tamén no K4 junior feminino 500 metros cunha embarcación integrada por Natalia Moreira (EP Ciudad de Pontevedra) e Sofía Parada (CP Portonovo), xunto a Celia Llera Serrano e María Martínez Koshytska.
A estes grandes resultados sumáronse outros padeeiros que rozaron as medallas como Natalia Moreira (EP Ciudad de Pontevedra) ou Marta Castiñeiras (As Torres Romaría Viquinga de Catoira), cuartas en C2 junior 500 metros e en K1 junior 500 metros, respectivamente.
O equipo español de K4 sub23 500 metros, con Mauro Domínguez (CP Verducido Pontillón) entre os seus integrantes, foi quinto; mentres que Claudia Couto (EP Ciudad de Pontevedra) foi quinta en C1 sub23 200 metros e sexta no C1 sub23 500 metros.
Silvia Gago (O Muiño de Ribadumia) tamén foi sexta na final de C1 junior 500 metros e Manuel Pousa (CM Ría de Aldán), que foi cuarto co equipo de K4 junior 500 metros, acabou noveno na final de K1 sub23 200 metros.