Ten só 16 anos, pero está a queimar etapas a pasos axigantados.
Desde os seus primeiros pasos como prebenxamín no CD Arcade ata a Selección Española Sub-17.
Mateo Sobral é o único futbolista galego na lista de 23 xogadores de España na concentración internacional Sub-17 que arrinca o vindeiro luns 10 de novembro en Sanxenxo.
O centrocampista do Real Club Celta, habitual xa en adestramentos e convocatorias da Celta Fortuna en Primeira RFEF e que a pasada temprada, aínda sendo cadete, se consolidou xa no xuvenil celeste de División de Honra, afrontará a súa segunda cita internacional tras unha chamada en decembro de 2024 para unhas xornadas de adestramento coa Sub-16.
Nesta ocasión é diferente, e é que a chamada coa Sub-17 inclúe dous encontros amigables fronte á República Checa, o xoves 13 de novembro ás 17.00 horas no campo de Baltar en Portonovo e o domingo 16 de novembro ás 11.00 horas no Municipal de San Pedro en Vilalonga.
A progresión do futbolista de Soutomaior é tal que desde este ano forma parte do universo do representante portugués Jorge Mendes, asesorado polo ex director deportivo do Pontevedra e da canteira do Celta, Toni Otero.
No que respecta á Selección Española Sub-17, permanecerá concentrada en Sanxenxo do luns 10 ao domingo 16 de novembro.
Ademais dos encontros amigables, están previstas sesións de adestramento o luns e martes en Baltar, o mércores en San Pedro e o venres e o sábado no Salvador Otero da Illa de Arousa.