Mayte Méndez inesgotable, vinte anos á fronte do Arxil

Pontevedra
19 de xuño 2020

A adestradora do primeiro equipo do conxunto pontevedrés renova o seu contrato por unha tempada máis e centra agora os seus esforzos en pechar a continuidade do plantel e na procura de tres fichaxes

Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia do Arxil
Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia do Arxil / Diego Torrado

O Arxil comeza a planificar a próxima tempada e faino polo banco, coa confirmación da continuidade un ano máis da adestradora Mayte Méndez á fronte do primeiro equipo. A preparadora leva dirixindo ao cadro pontevedrés desde a tempada 2001/2002, sempre na segunda categoría do baloncesto feminino nacional e "aínda ten corda para longo", aseguran desde o club.

Ao seu lado seguirá tamén o preparador físico, Magín Méndez; o fisioterapeura, David Rocha; o delegado, Carlos Díaz; e o médico José Paz.

Méndez atópase xa inmersa na planificación do plantel co que o Arxil competirá a próxima tempada. Tras a confirmación das baixas de Linnea, Johanna e Adriana, a adestradora céntrase agora en en as renovacións de boa parte das xogadoras así como das fichaxes de dúas ou tres xogadoras para reforzar o equipo.

Por outra banda, o club traballa na tramitación do aval para inscribir ao equipo na liga Feminina e a opción de saír en primeira nacional para o filial e así dar visibilidade á canteira arxilista.