Noelia Masiá estrea o capítulo de fichaxes no Arxil

Pontevedra
07 de xullo 2020

A aleiro castellonenca, a piques de cumprir 22 anos, comprometeuse co conxunto pontevedrés da Liga Feminina 2. Procede do Unicaja de Málaga

Fichaxe de Noelia Masiá polo Club Baloncesto Arxil / Club Baloncesto Arxil

O Club Baloncesto Arxil xa ten á súa primeira fichaxe para a tempada 2020/2021, na que volverá a militar na Liga Feminina 2 de Baloncesto.

Trátase de Noelia Masiá, aleiro castellonenca que cumprirá nuns días 22 anos e que chega ao club pontevedrés procedente do Unicaja de Málaga, equipo tamén da categoría de prata.

A pesar da súa mocidade acumula xa varios anos de experiencia na categoría, na que debutou na 16/17 nas filas do Picken Claret, club desde o que deu o salto a Málaga para xogar en Primeira Nacional e ascender a LF2. 

Masiá "destaca pola súa capacidade anotadora desde liña exterior e a súa capacidade de rebote", sinalan desde o Arxil sobre unha xogadora que este curso, suspendido cando o Unicaja marchaba cuarto clasificado, contaba cunhas boas porcentaxes de acerto cun 39,4% desde a liña de tres e ata o 85,7% nos tiros libres, a pesar de que a súa achega en puntos non foi destacada ao  promediar case 14 minutos en pista por encontro.

Confirmado a súa fichaxe Noelia Masía quixo "dar muchas gracias al club por la grandísima oportunidad y la confianza", que espera devolver en forma de rendemento na cancha para "seguir crecendo e sumando ao equipo".