O Arxil blíndase na pintura coa fichaxe da internacional senegalesa Bineta Ndoye

Pontevedra
22 de xullo 2020

A xogadora, que acumula oito tempadas de experiencia en España entre Liga Feminina e Liga Feminina 2, procede do Unicaja e firma co cadro arxilista por unha tempada

Fichaxe de Bineta Ndoye polo Arxil / Club Baloncesto Arxil

O Club Baloncesto Arxil confirmou este mércores á súa segunda fichaxe do verán, de novo procedente do Unicaja de Málaga como foi no seu momento a incorporación de Noelia Masiá.

Neste caso o conxunto pontevedrés foi a por experiencia e a por un perfil de xogadora que necesitaba para solucionar as carencias dos últimos anos no xogo interior do equipo. Así, a elixida foi a pívot Bineta Ndoye.

Internacional senegalesa, Ndoye acumula oito tempadas de experiencia en España, seis delas na máxima categoría.

Tras pasar por equipos como o Gran Canaria, Clarinos de la Laguna, Bembibre e Almería, na última campaña no Unicaja alcanzou de media uns números de 8,5 puntos e 5,9 rebotes por partido.

"Vén cubrir unha das carencias na tempada pasada, a de protexer a pintura cando Forster por faltas ou descanso non estaba en pista", recoñece o Arxil

Pola súa banda nun vídeo de presentación difundido pola entidade pontevedresa, a pívot senegalesa quixo "darle las gracias al club por la confianza"  recoñecéndose con "muchísimas ganas de empezar esta nueva temporada".

Bineta Ndoye convértese na quinta xogadora confirmada no proxecto arxilista, xunto á tamén fichada Noelia Masiá e ás renovadas Heather Forster, Margarita Moreira, Natalia López e Cristina Díaz-Pache.