Noa Casalderrey renova co Arxil para xogar no filial pero con "máis presenza no primeiro equipo"

Pontevedra
27 de xullo 2020

O club pontevedrés confirmou a continuidade da canteirá, da que espera dea un paso á fronte para ir gañando peso no plantel de Liga Feminina 2 aínda que seguirá ligada ao filial tras o ascenso a Primeira Nacional

Renovación de Noa Casalderrey no Arxil / Club Baloncesto Arxil

A canteira terá protagonismo como cada tempada no primeiro equipo do Club Baloncesto Arxil.

Unha das xogadoras chamadas a asumir máis protagonismo en Liga Feminina 2 é Noa Casalderrey, que renovou a súa vinculación co club por unha campaña máis.

A escolta, aos seus 25 anos, pasou polos equipos do Arxil en todas as categorías, desde minibásket, e esta campaña aínda que seguirá contando con ficha do filial tras o ascenso do segundo equipo á Primeira Nacional "terá máis presenza no primeiro equipo" e estará "máis integrada nos plans de Mayte Méndez", aseguran desde a entidade verde.

O cadro arxilista espera dela que achegue "sobre todo na faceta defensiva, aínda que mellorou moito o seu tiro exterior", aseguran despois de dúas campañas nas que o seu rendemento estivo mermado debido a problemas físicos.

Pola súa banda a xogadora pontevedresa recoñece que "llevo ya aquí muchos años y para mí el Arxil es como mi casa", polo que nun ano tan incerto como o que vén "intentaré aportar y ayudar en todo lo que pueda".