O Arxil volverá ser capitaneado nas canchas un ano máis por María Lago. A base do equipo verde chegou a un acordo para renovar o seu contrato co conxunto pontevedrés para cumprir así dez anos lucindo as cores da escuadra lerezana nos que foi crecendo ano a ano ata converterse na líder do equipo.
"Converteuse nunha das xogadoras máis decisivas", sinalan desde o club. Os números ratifícano porque promedia 10,7 puntos por partido, 3,7 asistencias e unha valoración de 11,7.
A xogadora do Porriño chegou a Pontevedra hai dez anos para estudar e "desde o primeiro día tanto Mayte como San fixeron todo o posible para que me sentise como na casa", agradece Lago, quen espera que "quitar o mal sabor de boca que deixou a pasada tempada pola forma na que terminou" e espera volver ter á afección nas bancadas "porque para nós é súper importante".
Desde a dirección deportiva do club tamén confían en que a nova tempada sexa mellor que a anterior. As fichaxes de Noelia e Bineta, así como a recuperación da lesionada Natalia convidan o optimismo e "se nos respectan as lesións estaremos a pelexar con todos os equipos", rematan.
Doutra banda, o calendario da Primeira Nacional feminina xa foi sorteado. O Arxil Mafari debutará en Ourense fronte ao Carmelitas nun inicio de competición fixado para o 10 de outubro. Pola súa banda, o partido de rivalidade fronte ao Peixe Galego está previsto para o 22 de novembro no CGTD.