Pretempada de catro semanas para o Arxil

Pontevedra
01 de setembro 2020

O conxunto pontevedrés regresou case seis meses despois aos adestramentos para preparar a súa participación nunha Liga Feminina 2 que, salvo contratempo, dará comezo o 3 de outubro

Primeiro adestramento do Club Baloncesto Arxil 20/21
Primeiro adestramento do Club Baloncesto Arxil 20/21 / Mónica Patxot

Foron case seis meses de espera, pero o primeiro plantel do Club Baloncesto Arxil volveu ao fin aos adestramentos para empezar a preparar a súa participación na Liga Feminina 2.

Salvo contratempo, o inicio da competición oficial está fixado para o 3 de outubro, polo que o cadro pontevedrés afrontará unha pretempada de apenas catro semanas de duración.

O pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) foi escenario a última ora do luns da primeira sesión de traballo das de Mayte Méndez.

A flexibilización do protocolo autonómico elaborado pola Secretaría Xeral para o Deporte para os equipos que compiten a nivel nacional permitiu ao Arxil volver á cancha e empezar a exercitarse con contacto.

No inicio da pretempada estiveron presentes todas as xogadoras nacionais e tamén a senegalesa Bineta Ndoye. Só se ausentou a norteamericana Heather Forster, que esperan póidase incorporar cara ao final da semana.

"Necesitariamos dous meses, porque levamos moito tempo sen competir, moitas xogadoras sen tocar balón e iso vai ser un hándicap grande para todos", recoñece a adestradora arxilista, Mayte Méndez.

O debut do Club Baloncesto Arxil en liga está fixado para o día 3 de outubro no CGTD pontevedrés, recibindo a visita do Baxi Ferrol.