O Arxil, pendente da Copa Galicia para planificar a parte final da súa pretempada

Pontevedra
09 de setembro 2020

O club pontevedrés traballa xa ao completo tras a incorporación da norteamericana Heather Forster. As xogadoras sometéronse nos últimos días a probas PCR sen que se rexistrou ningún positivo por coronavirus

Primeiro adestramento do Club Baloncesto Arxil 20/21
Primeiro adestramento do Club Baloncesto Arxil 20/21 / Mónica Patxot

O Club Baloncesto Arxil traballa ao fin ao completo para preparar a nova tempada da Liga Feminina 2 tras a chegada a Pontevedra da estadounidense Heather Forster.

A pívot norteamericana aterrou este martes na Boa Vila e someteuse ás probas de detección de coronavirus antes de incorporarse ao grupo xunto ao resto das súas compañeiras. O que si puido é polo menos exercitarse á marxe para ir collendo o ton físico.

O resto de integrantes do plantel e corpo técnico arxilista foron pasando estes días as obrigadas probas PCR, sen que se rexistrou ningún positivo.

Desta forma o conxunto verde dá un importante paso cara ao inicio da competición, á espera de poder pechar o tramo final da pretempada coa disputa de varios encontros.

Neste aspecto as pontevedresas están pendentes da decisión da Federación Galega de Baloncesto sobre a Copa Galicia, que de seguir adiante disputaría a súa primeira fase a final de mes (21 ao 27 de setembro) servindo de test para o inicio da liga a principios de outubro.

No esquema previsto no torneo autonómico, o Arxil xogaría dentro do grupo sur xunto a Cortegada e Celta, que pasarían por ser desta forma os dous encontros de preparación previstos antes de que comece a Liga Feminina 2.