Derrota do Arxil en Vigo no seu primeiro partido de Copa Galicia e da pretempada (64-59)

Pontevedra
23 de setembro 2020

O conxunto pontevedrés visitou a última hora do martes ao Celta Zorka no pavillón vigués de Navia. A pesar da derrota, test positivo para as de Mayte Méndez, que non lle perderon a cara ao encontro ata os minutos finais

Partido entre Celta e Arxil na Copa Galicia de baloncesto
Partido entre Celta e Arxil na Copa Galicia de baloncesto / Celta Baloncesto

O Club Baloncesto Arxil reencontrouse a última hora do martes coa agradable sensación da competición, despois de moitos meses sen poder disputar ningún encontro.

O conxunto pontevedrés visitou o Celta Zorka no pavillón vigués de Navia na primeira xornada da fase previa da Copa Galicia de baloncesto, e no que era tamén o seu primeiro choque de preparación esta pretempada.

A pesar da falta de ritmo e a derrota final (64-59), o certo é que as sensacións das de Mayte Méndez foron positivas, competindo ata os minutos finais cun dos equipos chamados a pelexar polas prazas de play-off como é o Celta.

A igualdade foi a tónica do inicio do partido, cun primeiro cuarto que levou o Arxil cun apertado 19-20. O Celta pola súa banda recuperou o mando no segundo parcial para dominar o electrónico ao descanso (35-30).

Con todo a loita de poder a poder prolongouse a un terceiro cuarto que concluíu en táboas (50-50), deixando todo para os últimos 10 minutos. Nese tramo final o Celta demostrou un punto máis de frescura para terminar decidindo o encontro ao seu favor.

A próxima cita do Arxil na Copa Galicia e na súa pretempada, que xa entra na recta final, será fronte ao Cortegada de Vilagarcía.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora