Suspendida a primeira xornada da Liga Feminina 2 de baloncesto "ante a falta de garantías sanitarias"

Pontevedra
30 de setembro 2020

A Federación Española de Baloncesto (FEB) decidiu pospoñer unha semana o inicio da liga, previsto para este sábado 3 de outubro. A decisión tomouse "co fin de non poñer en risco a saúde tanto das xogadoras", asegura a FEB

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada
Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada / Mónica Patxot

A Federación Española de Baloncesto (FEB) decidiu pospoñer o inicio da Liga Feminina 2, previsto para este sábado 3 de outubro.

A decisión tomouse "ante a falta de garantías sanitarias existentes e co fin de non poñer en risco a saúde tanto das xogadoras como dos diferentes axentes que compoñen a competición", explicou a FEB nun breve comunicado.

Este aprazamento "vén derivado da falta de garantías sanitarias para que as deportistas e os diferentes participantes do mesmo poidan desenvolver o seu labor sen risco de contaxio", engade o organismo federativo, en cuxo protocolo se establecía a obrigatoriedade de que plantel e corpo técnico dos equipos se sometesen a test de detección da COVID antes de cada xornada.

Trátase dunha medida que afecta por tanto a todos os equipos da categoría, entre eles o Arxil pontevedrés que tiña previsto estrearse este sábado no CGTD fronte ao Baxi Ferrol, e o Cortegada de Vilagarcía cuxo debut se ía a producir tamén na casa ante o Ardoi.

Desta maneira o inicio da Liga Feminina 2 producirase, se nada cambia, o próximo 10 de outubro coincidindo coa segunda xornada, na que o Arxil visitará o Maristas Coruña e o Cortegada fará o propio co Baxi Ferrol.

En canto aos encontros aprazados, a FEB sinalou que "se disputarán proximamente" nunha data que debe ser agora acordada cos clubs.