Carla Fernández renova como temón do Arxil e cumprirá a súa undécima tempada no club

Pontevedra
24 de xullo 2020

A base viguesa acumula máis de 300 partidos de liga co conxunto pontevedrés, ao que chegou na tempada 2010/2011, convertida nunha das pezas clave nos esquemas de Mayte Méndez. O último curso foi a segunda mellor recuperadora da categoría

Carla Fernández, no partido entre Arxil e Barakaldo no CGTD
Carla Fernández, no partido entre Arxil e Barakaldo no CGTD / Cristina Saiz

Ver xogar ao Club Baloncesto Arxil sen Carla Fernández faríase algo estraño, e é que a base viguesa vai cumprir a súa undécima tempada no equipo verde, no que se converteu nunha peza indispensable dentro dos esquemas de Mayte Méndez.

Carla chegou a un acordo co Arxil para renovar por unha campaña máis, co que engrosará as súas xa impoñentes estatísticas como xogadora da Liga Feminina 2, categoría na que disputou máis de 300 partidos.

A base chegou ao cadro pontevedrés na tempada 2010/2011, e desde entón foi sumando cada vez máis ao equipo. De feito no curso recentemente finalizado acumulaba de media máis de 35 minutos en pista por partido, con 10,6 puntos, 4,2 rebotes e e 2,86 roubos, o que a situou como segunda mellor recuperadora da liga.

"Nestes dous últimos anos á parte da súa faceta ofensiva e de directora no xogo, foi un baluarte a nivel defensivo", destacan desde o Arxil.

Pola súa banda a xogadora recoñeceu tras a renovación que "como siempre con muchas ganas y con mucha ilusión de volver a las pistas" esperando "un año lleno de muchas alegrías y muchos partidos ganados".

Coa súa renovación o plantel arxilista segue tomando firma con sete pezas confirmadas, ao sumarse ás renovadas Natalia López, Cristina Díaz-Pache, Margarita Moreira e Heather Forster e ás fichadas Noelia Masiá e Bineta Ndoye.