O Arxil inscribe, esta vez si, o seu filial na Primeira Nacional confirmando o ascenso de categoría

Pontevedra
08 de xullo 2020

En 2017 e 2019 o conxunto pontevedrés renunciara ao ascenso do seu segundo equipo por motivos económicos, pero agora decidiu dar un paso á fronte formalizando a súa inscrición en Primeira Nacional

Presentación dos equipos do Club Baloncesto Arxil de Pontevedra
Presentación dos equipos do Club Baloncesto Arxil de Pontevedra /

O dito de 'á terceira vai a vencida' cumpriuse nesta ocasión para o Club Baloncesto Arxil, e máis concretamente no que respecta a o seu equipo filial.

Despois de dous intentos errados, o club pontevedrés inscribiu ao seu segundo equipo na Primeira Nacional, terceira categoría e só un banzo por baixo da Liga Feminina 2 na que volverá a saír o primeiro equipo a próxima tempada.

Trátase dun paso adiante importante da entidade arxilista, que en 2019 e 2017 renunciou a ese ascenso a pesar de gañar o dereito na pista de xogo debido a motivos económicos.

Nesta ocasión o Arxil decidiu facer un esforzo nunha "clara aposta de calidade que busca mellorar a estrutura de club e apostar por unha maior relevancia da canteira", sinala a entidade deportiva pontevedresa.

Tras tomar esta decisión, a directiva xa formalizou a inscrición en Primeira Nacional e depositado o aval bancario requirido pola Federación Española de Baloncesto. 

Desta forma o filial confirma o seu ascenso para competir nunha Primeira Nacional na que quedará encadrado dentro do Grupo A xunto a equipos de Asturias, Cantabria e Castela-León.

Os plans do club pontevedrés pasa por contar cun segundo equipo que estea formado case na súa totalidade por xogadoras saídas da súa canteira.