Acordo entre o Arxil e Heather Forster para a súa renovación por unha tempada

Pontevedra
14 de xullo 2020

A continuidade da pivote estadounidense era unha prioridade para o club pontevedrés na planificación da próxima tempada, despois do bo rendemento e adaptación que mostrou no seu primeiro ano na cidade

Renovación de Heather Forster no Arxil / Club Baloncesto Arxil

Era unha prioridade para o Club Baloncesto Arxil e as negociacións chegaron a bo porto. Heather Forster seguirá defendendo un ano máis as cores do club pontevedrés na Liga Feminina 2.

Coa modificación das bases de competición, reducindo a unha só xogadora a cota permitida de extracomunitarias, o Arxil decidira apostar pola continuidade da pívot estadounidense, en detrimento de a arxentina Johanna Puchetti, a pesar do seu bo rendemento.

A directiva arxilista pretendía con esa idea apontoar o zona interior do equipo cunha xogadora, Forster, que no seu primeiro ano na cidade adaptouse perfectamente ao equipo como demostran os 12,1 puntos e 8,9 rebotes por encontro que alcanzaba de media antes da suspensión da competición e tamén o seu esforzo por aprender e usar un novo idioma.

"Estou moi contenta de anunciar que renovo polo Arxil", sinalou tras a renovación a estadounidense sobre un equipo que "é como unha familia".

"A tempada pasada foi interrompida e estou emocionada de ter máis tempo en Pontevedra. Este ano hai moitas cousas novas e espero poder axudar ao equipo", concluíu a pívot nun vídeo difundido polo club no que se poden ver algunhas das súas accións do pasado curso.

Con este movemento son catro as xogadoras confirmadas no novo proxecto das verdes, ao unirse Forster ás renovadas Natalia López e Cristina Díaz-Pache e á fichada Noelia Masiá.