O Medio Maratón de Pontevedra segue batendo marcas.
A dous días do peche de inscricións, esgotáronse todas as prazas dispoñibles para a proba de 10 quilómetros, con 600 corredores confirmados.
Na distancia de medio maratón, pola súa banda, apenas quedan 60 prazas libres, roldando xa a cifra de 1.130 inscritos, o que anticipa un cheo absoluto en todas as categorías.
Sumando os máis de 120 participantes nas carreiras de menores, o evento superará os 1.800 deportistas.
O sistema de recollida de dorsais xa está dispoñible. Os inscritos nos primeiros prazos poden retirar os seus dorsais entre o 10 e o 18 de outubro nas tendas oficiais que marcaron no momento de facer a inscrición.
Para o resto, a recollida será desde o día 15 na tenda Miler Vintage Running Club (rúa Peregrina, 6, soto, Pontevedra) ou o día da carreira no Pavillón Universitario, reservado para atletas de fóra da cidade.
O Gran Fondo Caixabank celebrarase o domingo 19 de outubro desde as 10:00, arrincando coas probas infantís e culminando ás 11:00 horas coa saída do medio maratón.
Ademais, o venres 17 ás 20:30 horas terá lugar a tradicional quedada para coñecer o percorrido, aberta a todos os interesados e con saída fronte ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Desde a organización obrigan a acudir con pezas de cores rechamantes.