O Medio Maratón de Pontevedra queda a só 4 inscritos do 'sold out'

Pontevedra
13 de outubro 2025
Actualizado: 12:58

O popular evento atlético celebrarase o vindeiro domingo 19 de outubro superando os dous milleiros de participantes

XXIX Medio Maratón de Pontevedra
XXIX Medio Maratón de Pontevedra / Cristina Saiz

Unha edición con cifras de récord.

Así se presenta o Medio Maratón de Pontevedra 2025, que se celebrará o vindeiro domingo 19 de outubro.

A proba deportiva organizada pola Sociedad Gimnástica pechou oficialmente na medianoite de domingo a luns as súas inscricións, superando os dous milleiros de participantes e quedando a só 4 prazas do límite de participación.

Serán en concreto 2.008 deportistas os que participarán no medio maratón, unha cifra que até o xoves pode aumentar aínda coas carreiras para menores de idade, nas que están confirmados 147 nenos e nenas.

A proba longa, de 21,1 quilómetros de percorrido, reunirá a 1.196 atletas (o seu límite eran 1.200) mentres que nos 10 quilómetros participarán 665 corredores incluíndo aí as 65 prazas extra ofertadas a militares da BRILAT.

Trátase dunha marca abosluta para o Medio Maratón de Pontevedra, superando as cifras do ano 2016, cando congregou a 1.987 deportistas.

Antes do gran día, a organización lembra que este venres 17 de outubro organizará unha quedada gratuíta de recoñecemento ao circuíto.

Farao con saída ás 20.30 horas desde a porta principal do Centro Galego de Tecnifiación Deportiva.