Medio milleiro de padexeiros fará vibrar as augas do Pontillón do Castro na Copa de España de Promesas

Pontevedra
20 de abril 2023

O Complexo Deportivo David Cal volverá ser escenario dun evento que reunirá este sábado 22 de abril e este domingo 23, en Verducido, medio milleiro de padexeiros de categorías cadete dos que 172 pertencen a clubes galegos

Campionato galego de novas promesas en Verducido Cristina Saiz

As augas do encoro do Pontillón do Castro (Verducido) vibrarán esta fin de semana co mellor piragüismo nacional na Copa de España de Xoves Promesas en categoría cadete. O evento reunirá este sábado 22 e domingo 23 de abril no Complexo Deportivo David Cal medio milleiro de padexeiros, dos que 172 pertencen a 25 clubs de diferentes puntos de Galicia.

Entre os clubes participantes atópanse a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, o Club Piragüismo Verducido, o Club Naval de Pontevedra e o Club Río Verdugo.

Na proba organizada pola Federación Galega de Piragüismo, en colaboración coa Concellería de Deportes, tamén participarán deportistas procedentes de equipos de catorce comunidades autónomas e da cidade autónoma de Ceuta.  A competición desenvolverase en distancias de sprint de 500 e 1.000 metros, nas disciplinas de K1, C1, K2, C2, K4, C4 e Paracanoe.

O evento deportivo comezará ás 9:00 horas do sábado coas probas clasificatorias, celebrándose as semifinais a partir das 11:20 horas. A xornada continuará pola tarde, entre as 16:00 e as 19:20 horas, con finais e clasificatorias, realizándose un acto de entrega de medallas ás 19:30 horas.

O domingo levaranse a cabo probas en horario de mañá, entre as 9:00 e as 13:15 horas, e o día pecharase cunha nova entrega de medallas.