O Concello de Pontevedra volve sacar a licitación o servizo de 'coche de punto', o sistema de transporte a demanda que conecta as parroquias do rural co casco urbano, unha vez que o contrato actualmente en vigor remata o próximo 30 de xuño.
Así o anunciou este martes en rolda de prensa o concelleiro de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, César Mosquera, quen confirmou que as condicións do servizo manteranse sen cambios.
O 'coche de punto', considerado un proxecto pioneiro de taxi compartido, presta servizo ás quince parroquias do rural pontevedrés e consolidouse nos últimos meses como unha alternativa de mobilidade para a veciñanza.
Segundo explicou Mosquera, o novo contrato entrará en vigor o 1 de xullo deste ano e estenderase ata o 31 de decembro de 2029.
Esta prórroga de tres anos e medio evitará ter que renovar o servizo cada seis meses ou cada ano, consolidando unha dotación económica de 115.000 euros anuais (dos cales 57.500 euros se destinarán á metade deste ano en curso).
As tarifas para as persoas usuarias seguirán sendo as mesmas que na actualidade.
Cada traxecto terá un custo de 2,15 euros, mentres que o Concello asumirá a diferenza ata completar o importe real da viaxe. Ademais, os menores de dez anos continuarán viaxando de balde e manteranse as bonificacións do 40 % para persoas xubiladas e do 25 % para persoas desempregadas.
Durante a súa comparecencia, o responsable municipal destacou a boa evolución do servizo e o incremento da súa utilización nos últimos meses. Segundo sinalou, a ampliación dos horarios, incorporando servizo polas tardes e tamén os sábados, "aumentou moitísimo" a demanda.
O concelleiro lembrou que desde o inicio da iniciativa xa se prevía unha adaptación progresiva ás necesidades reais da cidadanía. "Xa dixemos dende o principio que isto iríase axustando na medida que fora madurando o proxecto", engadiu.
Mosquera tamén aproveitou para responder ás críticas formuladas polo grupo municipal do Partido Popular respecto deste sistema de transporte. "Parece que o PP tiña unha auténtica cruzada contra o coche de punto. Sinto que, unha vez máis, os datos contradigan o seu relato", manifestou.
Segundo os datos oficiais do Concello de Pontevedra, o número de viaxes rexistradas polo 'coche de punto' ha pasando de 139 servizos en outubro de 2024 a 489 en maio de 2026, o que supón un incremento acumulado do 251%.
Tras manterse durante máis dun ano en niveis relativamente estables, cunha media próxima ás 177 viaxes mensuais ao longo de 2025, a actividade comezou a subir a principios de 2026.
O cambio de tendencia fíxose especialmente visible en febreiro, cando se contabilizaron 283 viaxes, un 52,2% máis que no mesmo mes do ano anterior.
O crecemento intensificouse en marzo, con 425 viaxes (+169% interanual), e consolidouse en abril e maio, con 426 e 489 servizos respectivamente. Este último dato constitúe o máximo de toda a serie analizada.
Os datos apuntan a unha clara ruptura da tendencia observada ata comezos de 2026 e sitúan o volume actual de actividade en niveis que practicamente duplican a media rexistrada durante o ano anterior.
A evolución dos próximos meses permitirá confirmar se este forte crecemento responde a un cambio estrutural ou a un fenómeno conxuntural.
A respecto de posibles novas implementacións, como a sinalización de paradas físicas no rural, o concelleiro de Mobilidade aclarou que é unha posibilidade contemplada desde o inicio dentro do abano de medidas do plan. Non obstante, aclarou que, segundo indican os servizos técnicos e os propios taxistas, nestes momentos non é unha medida necesaria, aínda que se podería implementar no futuro se o número de usuarios dese un salto masivo (por exemplo, ata os 4.000 usos).