O 'coche de punto' ampliará o seu horario ás tardes e aos sábados desde o 15 febreiro

Pontevedra
29 de xaneiro 2026

Con este cambio, indicou o alcalde de Pontevedra, o servizo quere dar cobertura, entre outras cousas, ás visitas médicas vespertinas e á actividade comercial dos sábados

Taxis na parada da Alameda
Taxis na parada da Alameda / Cristina Saiz

O transporte a demanda entre as parroquias do rural e o centro urbano, o coñecido como 'coche de punto', afrontará cambios a partir do próximo 15 de febreiro.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que o servizo ampliará o seu horario e estará activo tamén polas tardes e nas mañás dos sábados para adaptarse ás necesidades dos seus usuarios.

Así, de luns a venres, as persoas interesadas poderán coller o 'coche de punto' de 7:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, mentres que os sábados o seu horario será unicamente matinal, entre as 9:00 e as 14:00 horas.

Os festivos, iso si, non se poderán realizar viaxes.

Con este cambio, indicou Fernández Lores, o servizo quere dar cobertura, entre outras cousas, ás visitas médicas vespertinas e á actividade comercial dos sábados.

O 'coche de punto' seguirá sendo prestado polas 32 licenzas de taxi adheridas nestes momentos, aínda que o goberno municipal mantén aberta a posibilidade de novas incorporacións no futuro se así o solicitan os interesados.

O rexedor pontevedrés defendeu este servizo como unha fórmula "novidosa e pioneira" de transporte, que desde os seus inicios foi concibida con "flexibilidade" para abordar melloras no seu funcionamento.

Lores sinalou que o Concello non terá que destinar máis diñeiro ao servizo como consecuencia desta ampliación horaria porque a previsión orzamentaria inicial xa contemplaba a posibilidade de realizar esta ampliación.

"Estamos abertos a mellorar o servizo, a facelo máis asequible e práctico, probando e axustando o que sexa necesario dentro do marco legal", engadiu o alcalde.

Reiterou que este modelo polo que apostou Pontevedra está "a funcionar ben" e que serve para "abrir camiño" en materia de mobilidade.